Michelín mellora os seus datos de rendabilidade

31 de Xullo de 2012

A estratexia mundial de MICHELÍN fai incrementar a rendabilidade das venda do fabricante de neumáticos, que no primeiro semestre de 2012 se sitúa no 12,3% fronte ao 9,6% do primeiro semestre do ano anterior. Así o resultado operativo da compañía antes de elementos non recurrentes atinxe os 1.320 millóns de euros, a pesar da caída no volume de negocio do 8,3% por mor da debilidade dos mercados europeos.

Se cadra, nestes datos tan positivos da compañía terá algo que ver o feito de que durante o 2012 se incrementara drasticamente un 15% de media os prezos dos neumáticos, a pesar da conxuntura económica xeral tan desfavorable.

Segundo o fabricante francés, as claves deste éxito céntranse na implantación internacional, na forte rendabilidade das actividades de especialidades e o posicionamento premium, así como á calidade da súa dirección. Por outra banda, a pesar do retroceso dos volumes de mercados maduros como o europeo e o norteamericano, as vendas de Michelín medran un 6% para colocarse en 10.706 millóns de euros, feito este que a compañía achaca á tendencia crecente do mix de prezos así como ao impacto positivo das paridades de cambio.

En canto ás previsións para o que resta de 2012, o grupo confía en manter a tendencia alcista no seu resultado operativo e afianzar a súa expansión cun ambicioso programa de investimentos, que contará cun volume duns 2.000 millóns de euros. O proceso de internacionalización desenvolvido por Michelín, que o levou ata o punto de posuír unha grande presenza extraeuropea, afianza as expectativas de crecemento do grupo.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*