Os transportistas galegos anuncian mobilizacións pola LOTT

15 de Abril de 2013

A Asemblea Unitaria dos Transportistas Galegos rexeita frontalmente o Proxecto de Reforma da Lei de Transportes e empraza ao Goberno a introducir cambios substanciais que doten dunha maior protección ao transportistas. En caso contrario, os transportistas galegos veranse na obriga de mobilizarse para facer visible a súa indignación e reivindicacións.

O sábado 13 de abril celebrouse no Hotel Castro de Santiago de Compostela a Asemblea Unitaria Aberta dos Transportistas Galegos, convocada polas federacións FETRAM e FEGATRANS, integrantes do Comité Galego de Transportes e representativas do colectivo de pemes e autónomos transportistas de Galicia, e mais a Unión de Cooperativas Galegas de Transporte UCOGATRA, co obxecto de informar e alertar aos transportistas galegos dos efectos que provocará no sector a aprobación do Proxecto de reforma de Lei de Ordenación do Transporte Terrestre (LOTT), actualmente en fase de debate no Congreso dos Deputados.

Tras unha análise detallada dos principais aspectos do texto, a Asemblea dos Transportistas Galegos:

1º) Manifestou de forma unánime o seu rexeitamento frontal do Proxecto de Reforma da LOTT, entendendo que, no canto de concebirse como o marco legal regulador e protector da boa saúde do sector do transporte, está deseñado para xustamente o contrario: velar polos intereses dos grandes contratadores de transporte, multinacionais e grandes operadores, que pretenden un servizo de transporte o máis barato posible a través dunha maior escravización e explotación dos transportistas.

2º) Ratificáronse as principais emendas elaboradas polas organizacións FETRAM, FEGATRANS e UCOGATRA, cuxo denominador común é introducir no Proxecto de Lei instrumentos de protección para quen realiza o transporte de forma efectiva, nos seguintes eidos:

  • A loita contra a morosidade e o incumprimento dos prazos legais máximos de pagamento, establecendo a tal efecto expresamente na Lei un tipo infractor e a sanción aparellada.
  • A transparencia, control e limitación da cadea de subcontratación, a través da “acción directa” do transportista efectivo en toda a cadea.
  • Contra os abusos que padecen os condutores nas cargas e descargas, recoller a prohibición legal de que, con carácter xeral, estas operacións sexan realizadas polos condutores dos vehículos pesados.
  • Prohibir a contratación de transporte por debaixo de custos de explotación, establecendo expresamente na Lei un tipo infractor a tal efecto e a sanción aparellada.
  • Mantemento da obrigatoriedade dos requisitos de capacidade económica, honorabilidade, competencia profesional e visado da autorización de transporte para prestar o servizo con vehículos cuxa masa máxima supere as 2 Toneladas, como instrumento de protección contra o intrusismo no sector dos lixeiros.

3º) Finalmente, a Asemblea Unitaria dos Transportistas Galegos acordou adoptar a seguinte RESOLUCIÓN PÚBLICA:

«a) Emprazar ao Goberno Central a introducir no trámite parlamentario cambios substanciais no texto do Proxecto de Lei, co obxecto de dotar dunha maior protección ao transportista efectivo. En caso contrario, esgotado o trámite parlamentario, os transportistas galegos veranse na obriga de, no curto espazo de tempo, iniciar un proceso de mobilización cívico e democrático para facer visible a súa indignación e as súas xustas reivindicacións.

b) Ao mesmo tempo, instar ao Goberno Galego a apoiar publicamente as demandas dos transportistas galegos, canalizándoas así mesmo politicamente ante os grupos parlamentarios do Congreso.»

 

 

 

 

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 3.0/5 (1 voto)
Os transportistas galegos anuncian mobilizacións pola LOTT, 3.0 out of 5 based on 1 rating
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Unha resposta a Os transportistas galegos anuncian mobilizacións pola LOTT

  1. Enviado por PEDRO o 26 de Maio de 2013 ás 9:07

    Aquí tedes un vídeo colgado no facebook dun compañeiro que describe a nosa situación, no bo e no malo:

    https://www.facebook.com/photo.php?v=136453779868823

    A máis de 30.000 persoas lle «gusta» e despois a asambleas como estas imos os de sempre. É fácil queixarse nos bares e en internet, e cremos que con darlle a o botón de «me gusta» xa fixemos algo…. UNION E SACRIFICIO iso é o que nos queda se queremos sair desta.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.