O pasado sábado día 9 de novembro presentouse publicamente na sede de APETAMCOR en Ourense o proxecto de priorización dos esquemas de reutilización no sector do transporte de mercadorías por estrada «sinresiduo.es», que a asociación vén de desenvolver grazas ao financiamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e que nace co obxectivo de mellorar as taxas de reutilización de recambios para o mantemento e reparación de vehículos destinados ao transporte de mercadorías por estrada.
Tomaron parte no acto Maruxa Pérez, Xerente da Consultora Medioambiental ESGAM a quen se encomendou a dirección técnica do proxecto, e mais Alberto Vila, Xerente de APETAMCOR.
O acto serviu para anunciar publicamente que APETAMCOR porá en marcha na rede en próximas datas o portal web sinresiduo.es que, entre outros servizos, permitirá poñer en contacto aos diferentes axentes que interveñen nos circuitos de reutilización e reciclaxe de elementos para o mantemento e reparación de vehículos destinados ao transporte por estrada.
Alberto Vila manifestou que este proxecto é unha mostra do claro compromiso da asociación coa mellora das prácticas medioambientais no sector do transporte de mercadorías.