A DGT aproba as instrucións técnicas para os megacamións

13 de Abril de 2016

A Dirección Xeral de Tráfico aprobou definitivamente onte a Instrución Técnica que establece os requisitos para autorizar a circulación dos megacamións en España. Estes conxuntos de vehículos poderán circular a 90 km/h e deberán posuír unha potencia mínima en función do itinerario a realizar.

Como se poderá lembrar, a Dirección Xeral de Tráfico aprobou definitivamente no día de onte a Instrución Técnica que regula o procedemento de obtención das autorizacións especiais necesarias para a circulación dos conxuntos de vehículos de transporte en configuración euromodular, isto é, os coloquialmente denominados megacamións.

O pasado 23 de decembro publicouse no BOE a modificación do Regulamento Xeral de Vehículos para permitir a circulación do megacamión en España, entendendo como tal todo conxunto de vehículos composto de máis de 6 eixos, 25,25 metros de lonxitude e 60 toneladas. Así, unha vez realizadas varias probas piloto sobre as condicións de circulación deste tipo de vehículos pola orografía española, Tráfico aprobou a citada norma a fin de establecer a idoneidade deste tipo de vehículos na rede viaria.

Para poder circular o megacamión (ollo: exclusivamente transporte interior en España), o transportista deberá previamente solicitar á Xefatura de Tráfico unha Autorización Especial de Circulación, denominada Autorización EMS (European Modular System), a cal terá unha validez dun ano prorrogable, e cuxos requisitos principais veñen regulados nesta Instrución Técnica, dos que destacamos os seguintes:

  • O vehículo motriz estará homologado para unha Masa Máxima de Conxunto (MMC) de 40 toneladas, e ademais equipado cun dispositivo de acoplamento homologado que garanta unha MMC de 60 toneladas.
  • Tanto o vehículo motriz como os intermedios serán remolcadores, debendo dispor do axeitado equipamento eléctrico, pneumático e mecánico para remolcar.
  • A potencia mínima esixida ao vehículo motriz será de 5 kw por tonelada de masa máxima en carga do conxunto, agás cando vaia circular por tramos con pendente superior ao 5%, en cuxo caso a potencia mínima esixida será de 6 kw.
  • O conxunto e os seus módulos deberán ir provistos de suspensión pneumática, espellos ou detectores para ángulo morto, sistema de advertencia de abandono de carril, sistema de asistencia á freada de emerxencia, sistema de control de cruceiro adaptativo, sistema electrónico de control de estabilidade, sistema autónomo de freado de emerxencia ou de alerta de colisión.
  • O vehículo deberá dispor de dous rotativos luminosos situados nos extremos superiores da parte posterior do conxunto, sinal identificativa de vehículo longo e sinalización reflectante do seu contorno.
  • Poderá circular á mesma velocidade que os vehículos articulados, isto é, como máximo a 90 km/h en autoestradas e autovías, e a 80 km/h en estradas convencionais.
  • Poderán adiantar sen limitacións en autoestradas e autovías. En estradas convencionais dun único carril por sentido, non poderán adiantar a vehículos que circulen a máis de 45 km/h.
  • Non poderán circular en determinadas condicións metereolóxicas adversas.
  • O transportista deberá comunicar por correo electrónico a Tráfico nun prazo máximo de 7 días cada un dos viaxes realizados, indicando hora e data inicial e final, itinerario recorrido e lonxitude do mesmo.
  • O conxunto resultante estará autorizado para unha masa máxima de 60 toneladas, sen embargo, cada un dos vehículos que conforman o conxunto non poderán superar individualmente os valores límites de masas e dimensións establecidos para o resto de vehículos de transporte no Regulamento Xeral de Circulación.
  • A masa en carga mínima autorizada sobre o eixo motor será do 25% da masa total en carga do conxunto, que poderá rebaixarse sempre que se garanta unha masa por eixo sobre o eixo motor de 11,5 toneladas para poder iniciar o movemento en pendente do 8% e ademais o transportista acepte participar nun estudo técnico de avaliación sobre circulación de megacamións que vai levar a cabo a DGT.

Pódese ampliar a información sobre o megacamión na web da DGT.

 

 

 

 

 

 

 

 

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.