Scania tamén é sancionada polo Cártel de camións

29 de Setembro de 2017

A Comisión Europea impón unha multa de 880 millóns de euros a Scania por participar xunto coas outras 5 marcas no cártel de fabricantes de camións. En consecuencia ábrese o prazo para que os transportistas titulares de camións Scania poidan tamén presentar a súa reclamación por danos e prexuízos.

Onte mércores 27 de setembro a Comisión Europea fixo pública a sanción que se lle impuxo ao fabricante europeo de camións SCANIA, por importe de 880 millóns de euros, superando ás multas impostas en xullo do pasado ano a cada un dos cinco restantes fabricantes europeos participantes no cártel (Daf, Daimler-Mercedes, Iveco, Man e Renault-Volvo), toda vez queda probado que concertaron a fixación nos prezos de venda de ditos vehículos e retrasaron deliberadamente a introdución no mercado de novas tecnoloxías para reducir as emisións dos seus vehículos, o que conlevou finalmente unha multa conxunta por un importe total próximo aos 4.000 millóns de euros.

No caso de Scania, malia formar parte do referido cártel, ao non admitir a súa participación nos feitos denunciados, a diferenza das restantes marcas, a Comisión Europea viuse na obriga de tramitar un expediente sancionador diferenciado, quedando agora acreditada a súa participación na “coordinación” dos prezos a nivel europeo e o retraso intencionado na introdución de tecnoloxías medioambientais máis eficientes.

Ademais, a dirección de Scania xa anunciara a súa intención de recorrer ante o TXUE (Tribunal Xustiza da Unión Europea) a multa no suposto de ser sancionada, suposto que agora se vén de verificar. Por iso a sanción a este fabricante, se realiza formalmente o recurso anunciado, non vai ser firme ata que non se pronuncie dito tribunal europeo.

Recorra ou non Scania ao TXUE, non significa que os compradores de vehículos desta marca non poidan xa presentar reclamacións polos danos producidos pola actuación do cártel, xa que a responsabilidade dos fabricantes é solidaria. Só afectaría ás datas dos prazos de prescrición.

En consecuencia os transportistas que tiveran comprado vehículos novos da marca Scania de MMA superior a 6 toneladas entre o 17 de xaneiro de 1997 e o 18 de xaneiro de 2011 poden interpoñer xa as correspondentes reclamacións polos prexuízos ocasionados.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.