O novo R.O.T.T. ameaza ás cooperativas de transporte

30 de Xaneiro de 2018

O Ministerio de Fomento presentou un proxecto de modificación do Regulamento de Ordenación do Transporte Terrestre (R.O.T.T.) cuxo contido se presenta moi prexudicial para as cooperativas de transportistas, ao limitarse o acceso á profesión de novos transportistas autónomos, de xeito que de se aprobar finalmente poría en risco a medio prazo a continuidade das cooperativas galegas do sector, que na actualidade agrupan máis de 1.000 transportistas autónomos.

A Unión de Cooperativas Galegas do Transporte UCOGATRA, organización na actualidade integrada polas 20 cooperativas de transportistas máis importantes de Galicia, que á súa vez agrupan a máis de 800 transportistas autónomos alcanzando así un parque de vehículos de transporte pesado que supera as 1.000 unidades, reuniuse o pasado sábado en Asemblea Xeral para, entre outras cuestións, analizar detalladamente o contido do borrador de Regulamento de Ordenación do Transporte Terrestre (R.O.T.T.) elaborado polo Ministerio de Fomento que, de se cumpriren os prazos que este ten establecidos, entraría en vigor o 1 de xullo de 2018.

A aprobación do paquete lexislativo do R.O.T.T. que ten preparado o goberno implica a modificación dun total de 14 normas regulamentarias, afectando tanto ao propio Regulamento de Ordenación do Transporte Terrestre como a diferentes Ordes Ministeriais en materia de requisitos de acceso á actividade de transporte, regulación das autorizacións de transporte, formación obrigatoria dos condutores profesionais e documentación administrativa de control, entre outras.

UCOGATRA vén de manifestar a través dun comunicado de prensa que, analizado en detalle o contido, o proxecto de R.O.T.T. elaborado por Fomento supón un ataque frontal contra a economía social do transporte, que en Galicia ten unha forte representación a través das cooperativas de transportistas, cuxa continuidade a medio prazo quedaría en entredito de non se modificar o contido deste proxecto, xa que de se aprobar finalmente tal como está:

  1. Bloquearíase totalmente a entrada ao sector a novos pequenos transportistas de 1 ou 2 vehículos, viveiro fundamental do que se fornecen as nosas cooperativas.
  2. Non se lles permitiría aos transportistas xa existentes no mercado reducir frota por debaixo de 3 vehículos nin tampouco transmitir a súa autorización de transporte a novos profesionais que quixesen acceder ao sector cunha frota inferior a esas 3 unidades.

Por tanto, UCOGATRA manifesta a súa oposición de forma clara ao tratamento tan discriminatorio que, segundo a unión de cooperativas galegas do transporte, o Ministerio de Fomento lles presta aos transportistas de menor dimensión, e en consecuencia ás cooperativas que os agrupan, para deste xeito favorecer os intereses das grandes empresas frotistas. Ademais, en opinión desta unión, Galicia sairía especialmente prexudicada, xa que o tamaño medio das empresas transportistas de Galicia non supera os 3 vehículos e máis do 60% do sector só ten 1 ou 2 vehículos.

Neste contexto, UCOGATRA solicita publicamente  ao Ministerio de Fomento a paralización deste proxecto normativo e a súa renegociación, co obxecto de procurar un novo R.O.T.T. que verdadeiramente recoñeza e defenda a liberdade de empresa para o sector do transporte de mercadorías por estrada desde o tratamento ecuánime a todos os transportistas, e por tanto non discriminatorio en función do tamaño da frota da empresa.

No seu comunicado, UCOGATRA remata afirmando a súa aposta por un sector regulado e profesionalizado, no que as empresas deban cumprir cos mínimos requisitos para poder traballar que recolle o Regulamento Europeo de Acceso ao Mercado (capacidade económica, cualificación profesional, honorabilidade e establecemento), pero en ningún caso se limite nin condicione a existencia das empresas en función do seu tamaño.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.