Tráfico publica instrución sobre a responsabilidade na estiba

20 de Xuño de 2018

O pasado 20 de maio de 2018 entrou en vigor o Real Decreto 563/2017, de 2 de xuño, polo que se regulan as inspeccións técnicas en estrada de vehículos comerciais que circulen en territorio español, incluíndose como novidade que durante unha inspección en estrada poderase someter ao vehículo á inspección da estiba e suxeición de carga. Ademais, nas últimas dúas semanas a Garda Civil de Tráfico comezou a impor xa sancións en estrada a transportistas, se ben o Director Xeral de Tráfico se comprometera verbalmente coas federacións de transporte en non sancionar pola mala estiba durante as primeiras semanas de entrada en vigor do referido Real Decreto, en tanto en canto non publicara desde a propia DGT unha instrución de desenvolvemento desta nova norma que esclareza varias cuestións importantes que quedaron dubidosas ou imprecisas, entre elas a responsabilidade na estiba.

Así as cousas, onte martes 19 de xuño a DGT publicou a Instrución 18/TV-103 esclarecendo o réxime de responsabilidades na estiba da mercadoría, tomando como referencia a vixente lexislación en materia de contratación de transporte (Lei 15/2009, de 11 de novembro, do contrato de transporte terrestre de mercadorías), que atribúe a responsabilidade dos labores de carga da mercadoría no vehículo á empresa cargadora, excepto pacto expreso en contrario antes de realizar a carga, así como no transporte de paquetería ou carga fraccionada en que tal responsabilidade se atribúe ao transportista en todo caso.

A propia Instrución recolle textualmente o seguinte:

«Así pois establécese, con carácter xeral, que a estiba das mercadorías será por conta do cargador, agás que expresamente se asuman estas operacións polo porteador antes da efectiva presentación do vehículo para a súa carga. Non obstante o anterior, nos servizos de paquetería e calquera outros semellantes que impliquen a recollida ou reparto de envíos de mercadorías consistentes nun reducido número de vultos que poidan ser facilmente manipulados por unha persoa sen outra axuda que as máquinas ou ferramentas que leve a bordo o vehículo utilizado, a estiba das mercadorías corresponderá, en todo caso, ao porteador.

Á vista do anterior, e tendo en conta o disposto no artigo 82 da LSV sobre o réxime xeral de responsabilidade polas infraccións ao disposto a lei, a cal recaerá directamente no autor do feito en que consista a infracción, o responsable pola inadecuada suxeición da carga no transporte público de mercadorías será, con carácter xeral, o cargador, agás que expresamente se pacte que sexa o porteador -en cuxo caso se deberá acreditar documentalmente tal circunstancia- ou o porteador cando se trate dun reducido número de vultos de paquetería ou semellantes.»

Por tanto, a excepción do transporte de paquetería ou carga fraccionada, de non existir albarán ou orde de carga que o transportista lle asine ao cargador dicindo xustamente o contrario, a responsabilidade por unha estiba incorrecta será do cargador e por conseguinte as sancións que en estrada se poidan impor irán a este. Resta coñecer cal vai ser o procedemento que utilice Tráfico para emitir o boletín de denuncia correspondente a dito cargador, cuestión que supoñemos se coñecerá nas próximas semanas.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.