Apetamcor celebra o éxito de superar a cifra dos 1000 socios

2 de Xullo de 2018

Apetamcor celebra a súa Asemblea Xeral de socios presentándose como unha organización sólida e solvente, que alcanza a cifra dos mil asociados en Galicia.

A Asemblea debateu os temas de actualidade do sector, destacando especialmente a suba experimentada polo prezo do carburante e o posible incremento da carga impositiva do gasóleo A, que hai uns días anunciou o Goberno que está a estudar.

Este sábado 30 de xuño a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia Apetamcor celebrou na súa sede central sita no Polígono Ind. de San Cibrao das Viñas a súa Asemblea Xeral de socios, na que se abordaron os temas de actualidade do sector do transporte, destacando especialmente a suba experimentada nos últimos meses polo carburante e o anuncio feito polo Goberno hai uns poucos días de que está a estudar unha posible suba na carga impositiva do gasóleo A.

Neste sentido, Apetamcor manifestou o seu rexeitamento frontal a ese posible incremento do imposto no gasóleo A, entendendo que a carga impositiva deste carburante xa é abondo (supera os 30 céntimos en litro, IVE á marxe) e ademais neste momento o sector non pode asumila logo de varios meses de suba permanente do prezo, que está a supoñer xa un afogamento das marxes comerciais das empresas, incapaces de repercutir esa suba nas tarifas que cobran polos servizos de transporte que realizan. Sen dúbida, de ir adiante esta medida, o sector a rexeitaría frontalmente e inclusive non descartan posibles mobilizacións.

A Asemblea tamén abordou as demais ameazas que na actualidade preocupan ao sector. En primeiro lugar, a competencia desleal, destacándose que no último ano desde a asociación se denunciaron á Inspección de Transporte reiteradas situacións de vulneración dos límites de cabotaxe en Galicia, abusos de cargadoras que impoñían cargar con exceso de peso ou nas cargas e descargas, fraude nos permisos especiais, etc.

Analizouse así mesmo a discriminación que en Galicia padecemos coa AP.9 e a AP-53, que soportamos as autoestradas cos treitos máis caros de peaxe de España, feito que penaliza enormemente, non só do sector do transporte, senón toda a actividade económica, especialmente gravosa nas áreas metropolitanas de Vigo-Pontevedra e A Coruña.

Debatéronse tamén os distintos réximes fiscais que soportan as empresas e autónomos do transporte e como conclusión, ratificouse a posición marco de Fenadismer de defender a harmonización fiscal para as empresas de transporte, independentemente da forma xurídica que sexan.

En último lugar, deuse conta da situación actual da nova norma da estiba, en vigor desde o 20 de maio, e dos problemas que esta está a xerar no sector, especialmente pola falta de esclarecemento por parte da DGT de aspectos tan relevantes como a resistencia das estruturas (carrocerías, puntos de amarre, etc.), que ten ao sector nun escenario de incertidume.

Xa na sesión de clausura da Asemblea, a xornada serviu para festexar como se merece o fito de atixir a cifra dos 1.000 transportistas asociados en Galicia, que a convirte na asociación con máis transportistas asociados directamente que abonan a súa cota periódica.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.