Cambios para 2019 no imposto autonómico de hidrocarburos

8 de Novembro de 2018

En 2019 igualarase o imposto de hidrocarburos en todas as Comunidades Autónomas (4,8 cént./l), e poderase recuperar integramente. En todas as Comunidades Autónomas devolveranse por gasóleo profesional 4,9 céntimos de euro por litro nas repostaxes de gasóleo A.

Como xa se informou no seu día, a previsible declaración de ilegalidade da regulación do imposto autonómico sobre os carburantes obrigou ao anterior Goberno a rectificar por segunda vez a normativa reguladora de dito imposto autonómico, o que levou a cabo mediante unha modificación introducida na Lei de Orzamentos para 2018, aprobada o pasado mes de xuño. A través desa Lei suprimiuse completamente a capacidade normativa concedida ás Comunidades Autónomas para fixar o tipo impositivo sobre os carburantes a aplicar nos seus respectivos territorios, que a partir da súa entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro de 2019 será fixado e recadado integramente polo Estado para a súa posterior transferencia ás CC.AA.

Dita modificación suporá a partir desa data unha equiparación en todas as CC.AA. do importe do imposto no seu nivel máximo: 4,8 céntimos de euro por litro. Dito importe engádese ao tramo estatal do imposto establecido en 33,1 céntimos por litro. Por tanto, como é sabido, en Galicia esta medida non ten repercusión porque xa soportabamos os 4,8 céntimos, pero naquelas Comunidades que estaban por debaixo dese valor verán incrementado dito imposto ata os 4,8 céntimos.

Ademais, os titulares de vehículos de masa máxima superior a 7,5 toneladas poderán recuperar integramente todo o imposto autonómico. Polo cal, a partir de 1 de xaneiro de 2019 poderase recuperar, pola vía do Gasóleo Profesional, a cantidade de 4,9 céntimos de euro en litro nas repostaxes de gasóleo A efectuadas en todas as CC.AA.

Por exemplo, un camión que reposte unha media de 4.000 litros ao mes (48.000 litros/ano) poderá recuperar 2.352 € cada ano.

[Recordatorio] Como beneficiarse da devolución dos 4,9 cént. por Gasóleo Profesional

Cómpre lembrar que para recuperar este diñeiro pola vía do Gasóleo Profesional é necesario estar de alta no Censo do Gasóleo Profesional da Axencia Tributaria coa relación sempre actualizada de matrículas dos vehículos, e comunicar anualmente dentro do primeiro trimestre de cada ano os quilómetros de cada vehículo.

O Goberno estuda subir o imposto de hidrocarburos ao diésel

Así mesmo, en relación á proposta do Goberno que saíu recentemente nos medios de introducir na Lei de Orzamentos para 2019 outro incremento do imposto ao diésel, a Secretaria de Estado de Transportes garantiu que tal suba non afectará aos transportistas, afirmando neste sentido literalmente que “calquera outro incremento da fiscalidade do gasóleo quede absorbido nos termos en que se vén producindo ata o momento de xeito que o incremento de fiscalidade sexa neutral para o transporte por estrada”. En fin, veremos.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.