Avanzan pasemiño as negociacións do sector con Fomento

10 de Xaneiro de 2019

Logo do ultimatum ao Goberno dado ata o próximo 15 de xaneiro polas federacións de transportistas integrantes do Comité Nacional de Transporte por Carretera (CNTC), nestas dúas primeiras semanas do ano xa tiveron lugar varias reunións dos responsables do Ministerio de Fomento cos representantes das federacións do sector, mais os avances ata o momento teñen sido substancialmente poucos. En concreto, da táboa de 12 medidas que unanimemente desde o CNTC se entenden imprescindibles para o normal funcionamento dun sector estratéxico como é o transporte de mercadorías por estrada, poucos ou case ningún teñen sido os compromisos do Ministerio a día de hoxe.

1. Non aplicación da Euroviñeta e desvíos obrigatorios

En relación ao compromiso de non aplicación da Directiva Euroviñeta na rede viaria e desvíos obrigatorios a autoestradas, a posición do Goberno é que previamente á adopción de calquera medida que afecte ao sector será sometida a consulta das organizacións representativas, e que en todo caso, o debate sobre tarificación de infraestruturas (Euroviñeta) non se abrirá na presente lexislatura, e ademais garante que este compromiso será ratificado por escrito.

Así mesmo, mantense o compromiso de ir liberalizando as autoestradas suxeitas a peaxe sometidas actualmente a concesión unha vez caduquen, como xa se levou a cabo coa AP-1 o pasado mes de novembro e a finais deste novo ano na AP-7 e e AP-4 (lamentablemente en Galicia sufrimos que non se fixera isto no seu día coa AP-9 e o Goberno lle renovase a concesión nas condicións en que foi renovada).

En relación aos desvíos obrigatorios ás autoestradas de peaxe (modelo que nos consta a Xunta está estudando introducir en Galicia), o Ministerio de Fomento comprométese a revisar a súa política de bonificacións en base á previsión orzamentaria, pero por agora sen concreción.

2. Eliminación do «pacto en contrario» da Lei de Contrato de Transporte

Ante a demanda do sector de modificación da Lei de Contrato de Transporte Terrestre para eliminar a posibilidade de “pacto en contrario” no relativo á prohibición de carga e descarga, á aplicación da cláusula de revisión do prezo do carburante e prazos de pagamento e ás paralizacións, o Ministerio de Fomento elaborou un borrador de proxecto de modificación da Lei de Contrato que recolle a eliminación do pacto en contrario en materia de cláusula de revisión automática do prezo do transporte polo incremento do prezo do gasóleo.

No que respecta á prohibición da carga e a descarga tramitarase unha consulta ao Ministerio de Traballo, por ser o órgano competente para establecer a prohibición e o réxime sancionador.

Por outro lado, Fomento tamén se compromete mellorar a redacción para que quede claro que a paralización debe computarse desde que o vehículo se encontra no lugar de carga e descarga, y así mesmo a reducir de dúas a una hora,

Por último, desde as organizacións do sector tamén se propón ampliar a indemnización por paralización a outros supostos de paralización e o compromiso de Fomento é elaborar unha Disposición Adicional para incorporar á Lei de Contrato de Transporte Terrestre para que a paralización do vehículo por calquera causa non imputable ao transportista (sinistros, avarías, etc.) se aplique a indemnización prevista para la paralización por carga y descarga.

3. Loita contra as empresas buzón a a competencia desleal

O Ministerio de Fomento manifesta que xa está levando a cabo un plan de inspección prioritario tanto ás empresas buzón como ás falsas cooperativas, en coordinación co Ministerio de Traballo e as Comunidades Autónomas.

4. Coordinación de Plans de Mobilidade

O Ministerio de Fomento comprométese a elaborar unha Estratexia de Mobilidade conxuntamente coas Comunidades Autónomas.

5. Harmonización fiscal no sector do transporte

Con ocasión da tramitación da Lei de Orzamentos para 2019 presentarase unha Proposta de Harmonización Fiscal para o sector do transporte, para o que solicitará que o CNTC presente unha proposta consensuada. Desde as federacións do sector, a harmonización fiscal pasa por:

  • Permitir que os autónomos poidan deducir no rendemento neto da súa actividade económica no IRPF a súa actividade laboral, que se calcularía tomando como importe o da súa base de cotización á Seguridade Social, o que así mesmo contribuiría a que os autónomos cotizaran máis.
  • Establecer un tipo impositivo único pola tributación da actividade empresarial con independencia da súa forma empresarial (persoa física ou sociedade).
  • Permitir a dedución polos transportistas autónomos das dietas exentas, xa que actualmente está prevista exclusivamente tal posibilidade en caso de traballadores asalariados.

6.  Solución á limitación en pasos fronteirizos

O Ministerio de Fomento comprométese a redobrar as súas xestións ante o Goberno francés para eliminar as actuais restricións nas fronteiras.

7. Negociación e racionalización na política de transición ecolóxica

O Ministerio de Fomento comprométese a incluír ao sector do transporte por estrada no foro de debate sobre a política de transición ecolóxica que promova o Goberno.

8. Plan de áreas de descanso con certificación de seguridade

A Dirección Xeral de Estradas vai elaborar proximamente un Plan de Áreas de Descanso que consensuará coas organizacións de transportistas.

9.  Ampliación da acción directa aos operadores

O Goberno comprométese a estudar o seu posible encaixe nunha modificación da Lei de Contrato de Transporte, anque ven dificultades de viabilidade polas posibles duplicidades de reclamación por parte do transportista efectivo e dos posibles intermediarios que tivera na cadea de subcontratación.

10. Inclusión do transporte lixeiro no gasóleo profesional

Desde as organizacións do sector solicítase a inclusión no gasóleo profesional de todos os vehículos de transporte suxeitos a autorización (isto é, tamén os de MMA non superior a 7,5 Tn), así como tamén o mantemento de devolución do 100% sobre os mínimos impositivos comunitarios, a eliminación actual do límite de 50.000 litros con dereito a devolución por vehículo e a redución no prazo de devolución do gasóleo profesional.

Fomento manifesta ao respecto que manterá nos próximos días unha reunión co Ministerio competente de Facenda para proporlle estas cuestións.

11.  Suspensión da aprobación do ROTT sen consenso co sector

Fomento manifesta que a súa intención é presentar o texto definitivo á federacións de transporte integrantes do CNTC unha vez se reciba o informe do Consello de Estado, que será emitido nos próximos días ou semanas.

12. Prohibición de realización do transporte por debaixo dos custos mínimos de explotación

Fomento comprométese a presentar unha proposta lexislativa para sancionar a contratación de servizos de transporte por debaixo dos custos mínimos, que será sometida a consulta da Comisión Nacional da Competencia.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 0.0/5 (0 votos)
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.