Concentración de UCOGATRA ante TPTES. MONTERO

7 de Xuño de 2011

No día de onte, representantes da Unión de Cooperativas Galegas de Transporte UCOGATRA concentráronse en Narón, ao pé das instalacións da empresa TRANSPORTES FERROLANOS MONTERO, SL, co obxecto de esixir de forma pública desta empresa o pagamento inmediato das facturas que ten pendentes con 6 cooperativas integradas na Unión de Cooperativas, por servizos de transporte realizados entre agosto e decembro de 2010.

José Luís Bermúdez, Presidente de UCOGATRA, manifestou no acto que, a pesar das reiteradas reclamacións feitas de forma individual polas cooperativas afectadas a esta empresa , a día de hoxe o importe das facturas pendentes de pagamento desta empresa con 6 cooperativas integradas en UCOGATRA ascende a case 20.000 €. En declaracións ao medios, Bermúdez aproveitou a ocasión para reclamar o amparo da Administración para que poña en marcha as modificacións normativas necesarias que permitan sancionar de forma exemplarizante a aquelas empresas que incumpran esta Lei de Morosidade, como por exemplo acontece en países como Francia, denunciando así o sector do transporte de mercadorías por estrada, un dos máis afectados pola crise económica actual, non pode seguir tolerando que por parte de moitas empresas que contratan transporte se estea incumprindo de forma tan aberrante os prazos máximos de pagamento establecidos na Lei 15/2010, de 29 de decembro, de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, e non teñan ningún tipo de sanción ou suspensión por este incumprimento.

En último lugar, deixou claro que se non desaparen estes lamentables episodios onde empresas que contratan transporte logo non pagan ou non o fan nos prazos que establece a Lei, desde UCOGATRA non se quedará de brazos cruzados e, na defensa dos lexítimos intereses das súas cooperativas, repetirán actos como o de onte ante outras empresas.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*