Ucogatra reúnese co Director Xeral de Mobilidade

1 de Agosto de 2011

Unha destacada representación do Consello Reitor da Unión de Cooperativas Galegas de Transporte UCOGATRA reuniuse hoxe á mañá nas dependencias da Dirección Xeral de Mobilidade co Director Xeral, Miguel Rodríguez Bugarín, co obxecto de presentar formalmente á Administración competente en materia de transportes esta asociación de cooperativas, que na actualidade agrupa ás 18 cooperativas que integran a máis de 600 transportistas cunha flota superior a 1.000 vehículos de transporte pesado.

Os representantes de Ucogatra, co seu Presidente á cabeza -José Luís Bermúdez Espantoso-, e ata 6 presidentes de cooperativas, deron a coñecer ao Director Xeral as iniciativas nas que está a traballar a Unión nos seus primeiros meses de vida, destacando a bolsa de cargas interna de uso exclusivo das cooperativas.

O outro tema que centrou boa parte da reunión foi a crecente morosidade que se rexistra no sector, facéndose exposición do labor que está a realizar Ucogatra denunciando repetidamente os casos de delincuencia existentes no sector en forma de empresas que comercializan transporte e logo non o pagan, e que están a padecer varias cooperativas, así como tamén moitos pequenos transportistas a nivel individual. Así, presentáronselle ao Director Xeral varios casos concretos de empresas que deben cantidades desorbitadas de diñeiro por servizos de transporte que comercializaron e non pagaron e que seguen a operar no sector con total impunidade. Algúns destes elementos optan por levar estas empresas a unha situación de concurso voluntario para non pagar e, paralelamente, artellar unha nova sociedade operadora de transporte para seguir na mesma dinámica.

Neste sentido, desde Ucogatra solicitóuselle ao Director Xeral que desde a Administración se opere algún tipo de procedemento para apercibir ata o punto de suspender a autorización de transporte ou de operador de transporte, ou inclusive non permitir o visado, naqueles casos de empresas en que fehacientemente se demostre a raíz de denuncias desde o sector que tratan de operar do xeito indicado, a todas luces delictivo, e que tanto dano lle fai ao sector no seu conxunto. Ante todo isto, o Director Xeral comprometeuse a estudar detidamente este tema cos servizos xurídicos da Consellería para ver que solución se lle pode buscar.

En último lugar, desde Ucogatra trasladouse a especial preocupación que existe no sector polo crecente uso de gasóleo ilegal nos camións, que está a reventar o mercado permitindo que determinadas empresas baixen os prezos de forma desproporcionada. Neste sentido, demandouse unha actuación máis rápida da inspección en estrada.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*