Fomento, transportistas e cargadores buscan acordo urxente

12 de Marzo de 2011

O 9 de marzo celebrouse no Ministerio de Fomento unha reunión presidida polo Director Xeral de Transporte Terrestre coa asistencia das principais organizacións representativas das empresas transportistas que integran o Comité Nacional de Transporte por Carretera (CNTC) e das organizacións AECOC, Aeutransmer e Transprime que agrupan aos cargadores (clientes demandantes de transporte).

A conclusión da reunión, acordada conxuntamente por todas as partes (Ministerio de Fomento, asociacións de transportistas e asociacións de cargadores), foi establecer como prazo límite o 31 de marzo desde mesmo mes para desenvolver un conxunto de medidas excepcionais para paliar a grave situación económica que atravesa o sector do transporte por estrada nos seguintes vectores:

  • Cumprimento da Lei de Morosidade.
  • Aplicación da cláusula de revisión de prezos polo incremento do prezo do carburante.
  • Limitación e control da cadea de subcontratación.
  • Promover a produtividade dos diferentes axentes na actividade do transporte.

Semella complicado pensar desde o punto de vista dos transportistas que desta volta saian medidas efectivas pactadas cos cargadores, tendo en conta que estas mesmas organizacións de cargadores asinaron a raíz do Paro de 2008 o pagamento a 30 días e máis a aplicación da cláusula de revisión de prezos en función do gasóleo, acordos que tras case 3 anos aínda non cumpriron. Por que van cumprir agora?

De entre as intervencións máis relevantes destacar que o Presidente de FENADISMER solicitou medidas excepcionais que poñan freo á alza continuada dos prezos dos carburantes, ao deterioro no que se encontra o mercado da comercialización do transporte, e que sobre todo permitan corrixir a actual situación de dumping de prezos que sofre o sector, xa que en caso contrario volverase inevitablemente a unha nova situación de conflito no sector. Máis contundente foi a manifestación do Secretario Técnico de FETRANSA, quen puxo o 15 de abril como data límite para reconducir a situación que atravesa o sector, senón iniciarán un paro no sector. Inclusive o propio Presidente de CETM advertiu aos cargadores de que o clima no sector é de conflito, podendo encontrárense con que ningunha empresa lles preste servizos de transporte.

En último lugar, o Director Xeral de Transporte Terrestre manifestouse de forma sorprendente considerando que existe un problema social real, e que a situación estrutural do sector do transporte por estrada fai indispensable adoptar medidas excepcionais, xa que a actual crise económica está recaendo especialmente no elo máis feble da cadea do transporte. Por conseguinte, considera necesario arbitrar medidas que garantan que os transportistas poidan cubrir cando menos os seus custos de explotación, xa que non se debe continuar prestando servizos de transporte por debaixo dese límite.

Veremos en que queda iso.

VN:F [1.9.8_1114]
Puntuación: 3.5/5 (1 voto)
Fomento, transportistas e cargadores buscan acordo urxente, 3.5 out of 5 based on 1 rating
Compartir
  • Print
  • Facebook
  • del.icio.us
  • Twitter
  • Google Bookmarks

Etiquetas: ,

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Notificarme os novos comentarios por e-mail. Tamén podes suscribirte sen comentar.