Ucogatra defende o traballo dos honrados transportistas

12 de Decembro de 2011

A Unión de Cooperativas Galegas do Transporte (UCOGATRA) vén de facer público un comunicado baixo o título de «En defensa dos honrados transportistas e contra a competencia desleal» no que o Consello Reitor desta organización analiza a situación na que se encontra o sector do transporte de mercadorías por estrada en Galicia na actualidade.

Así pois esta organización, presidida por José Luís Bermúdez, que integra a  18 cooperativas de transportistas de Galicia e agrupa unha flota superior a 2.000 vehículos, afirma que os transportistas viven unha situación límite, tratando de manter a flote as súas estruturas empresarias nun contexto marcado por:

  • O incremento insostible dos custos de explotación dada a importante alza do prezo do combustible neste ano 2011 (de 1,20 €/litro o gasóleo-A en xaneiro a 1,34 €/litro en decembro, isto é, un incremento 12%).
  • A imposibilidade de repercutir este sobrecusto nas tarifas polo servizo de transporte, neste escenario de grande contración da demanda de transporte a raíz da crise económica.
  • O descenso brusco da actividade de transporte, estimado nun 40%.
  • Os efectos devastadores dunha morosidade crecente e unha Lei de Medidas de Loita contra a Morosidade completamente inútil.
  • Unha normativa actual en materia de tempos de condución e descanso que é excesivamente limitadora e inflexible, e lonxe de velar polo descanso racional dos profesionais do transporte, en moitos casos aínda o dificulta, obrigando en circunstancias ilóxicas a un condutor durmir fóra do seu domicilio por non poder demorar un pouco o descanso para poder facelo na casa.
  • Con este panorama, un cumprimento estrito da legalidade vixente en materia de transporte é tremendamente complicado, xa que coas tarifas ás que nos vemos obrigados a traballar non podemos cubrir cos citados custos de explotación.

Paralelamente, UCOGATRA afirma que  os transportistas son os grandes olvidados das Administracións, que durante estes catro largos anos de crise, no canto de poñer en marcha medidas efectivas que lles axudasen a resolver ou paliar en parte os problemas indicados, deixaron a este sector totalmente de lado.

Ao mesmo tempo, UCOGATRA manifesta a súa defensa da legalidade e de loita contra todas aquelas prácticas de competencia desleal que, se ben entenden que se reproducen de forma minoritaria, fraco favor lle fan ao sector no seu conxunto. Entre as prácticas ilegais, desde UCOGATRA destácase:

  • A utilización de gasóleo agrícola ou de calefacción en troques do gasóleo-A como carburante para os camións.
  • O incumprimento da normativa en materia de transporte (excesos desmesurados de peso na carga dos vehículos, manipulación de tacógrafos, etc.).
  • O incumprimento das obrigas sociais (contratos de traballo irregulares, etc.).
  • A fraude fiscal conducente a eludir o pagamento de impostos.
  • Tamén considera UCOGATRA prácticas de competencia desleal os abusos realizados por grandes empresas, moitas das cales carentes de vehículos de transporte e que simplemente se dedican a comercializar e subcontratar transporte, que aberrantemente incumpren a referida Lei de Morosidade ampliando ao seu antollo os prazos de pagamento do transporte que subcontratan a pequenos transportistas a quen someten nun estado de explotación, ou mesmo deixándolles de pagar, dinámica que lles permite reventar o mercado abaratando aínda máis as súas tarifas polo servizo. Lamentablemente, algunha delas inclusive ten sido beneficiaria de axudas públicas a pesar de abusar destas prácticas tan denunciables, axudas ás que en troques non poden acceder os pequenos transportistas.

En último lugar, UCOGATRA pon en valor o importante papel xogado todos estes anos para a economía en xeral polos honrados e dignos transportistas, que son a inmensa maioría.

Deixe unha resposta

O seu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*